Saturday 04 de May de 2024

Frades e Mesía poñen en marcha un programa de voluntariado para dinamizar o seu patrimonio cultural nas redes sociais


Dirixido a mozos e mozas, de entre 14 e 30 anos, terá unha duración de 50 horas e será impartido pola Universidade de Santiago de Compostela

Os Concellos de Frades e de Mesía poñen en marcha unha iniciativa de voluntariado para dinamizar o patrimonio de ambos municipios a través dun proxecto integrado que combina formación en aula e coñecemento do medio natural, con itinerarios de campo e facendo un uso intensivo das tecnoloxías da información e a comunicación. Unha iniciativa gratuíta na que poderán participar 20 rapaces e rapazas de Frades e Mesía, que deberán anotarse nos Concellos de Frades (981 695 567) e Mesía (981 687 001) antes do 15 de xullo. A admisión realizarase por rigorosa orde de anotación.

O programa está subvencionado pola Consellería de Política Social e inclúe un total de 50 horas formativas, que comezarán a impartirse o vindeiro 22 de xullo nun horario por determinar co alumnado (a razón de 5 horas diarias). As clases serán impartidas por persoal da Universidade de Santiago de Compostela, con 25 horas de traballo en aula e outras 25 horas de traballo de campo e visita aos recursos patrimoniais máis emblemáticos de Frades e Mesía.

Así, os 20 rapaces e rapazas que participen na iniciativa serán instruídos/as no uso de novas tecnoloxías para identificar e divulgar ese patrimonio: GPS profesional, códigos QR, uso de terminais móbiles (teléfono, Ipads, Tabletas), xeolocalización de recursos, uso de cámaras fotográficas e de vídeo… Tras esta formación inicial, a rapazada visitará, documentará e xeoreferenciará os recursos patrimoniais para, finalmente, realizar unha pequena campaña de dinamización dese patrimonio en WhatsApp, Instagram e Pinterest.

O programa, titulado “Dinamiza Patrimonio-TIC: patrimonio cultural, natural, sendeirismo e novas tecnoloxías”, pretende tamén achegar a estes 20 mozos a riqueza patrimonial dos seus respectivos municipios. Estudos recentes constatan que o 85% da poboación de municipios menores de 15.000 habitantes ten serias dificultades para enumerar as principais manifestacións do patrimonio do seu municipio.